Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta prevé entregar 6 novas vivendas protexidas en Betanzos este verán ao abeiro do Programa Rexurbe


— Estas vivendas, xunto coas 4 que xa se entregaron o pasado setembro, converten a Betanzos no concello con más vivendas adxudicadas grazas a esta iniciativa

— Ángeles Vázquez valora que este municipio, con 17 inmobles rehabilitados ou en proceso de restauración, é o segundo de Galicia con máis edificios adquiridos grazas a este programa

A Xunta prevé entregar 6 novas vivendas protexidas en Betanzos este verán ao abeiro do programa Rexurbe, tal e como avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita que realizou esta mañá ás actuacións que o Goberno galego está levando a cabo na localidade no marco desta iniciativa.

Estas vivendas localízanse nos números 9 e 13 da rúa Cerca; no 75 da rúa Nova e no 17 da rúa Torre, que, xunto coas 4 que xa se entregaron o pasado mes de setembro, converten a Betanzos no concello con más vivendas adxudicadas grazas ao programa Rexurbe, que, como lembrou Ángeles Vázquez, é unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos despois a alugueiro social.

Ademais, outras 5 vivendas se adxudicarán en canto se pechen varios trámites administrativos, 6 están xa en obras e outras dúas están pendentes de que se licite a actuación de rehabilitación.

Nesa liña, a conselleira puxo en valor que este municipio, que conta con 17 inmobles rehabilitados ou en proceso de restauración que permitirán ofertar 22 vivendas protexidas e 3 locais comerciais, é o segundo concello de Galicia con máis edificios adquiridos grazas a este programa. De feito, na actualidade, no conxunto da Comunidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa adquiriu máis de 80 inmobles en 11 municipios e está en negociacións para sumar outra decena no marco da convocatoria de 2022.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez salientou que Betanzos foi o concello escollido pola Xunta en 2017 para poñer en marcha o Rexurbe, e ante os bos resultados desta experiencia piloto, decidiu estendelo aos centros históricos doutros municipios, publicando cada ano desde entón unha nova convocatoria do programa.

A maiores, desde o pasado mes de xaneiro, Betanzos conta tamén cunha Área Rexurbe – a sétima declarada en Galicia-, unha figura creada ao abeiro da Lei de rehabilitación aprobada en 2019 co fin de facilitar a revitalización de ámbitos que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación por parte das distintas administracións públicas para mellorar as condicións de vida da súa veciñanza e dotalos dos recursos necesarios para garantir que recuperen o seu antigo dinamismo.

O ámbito de actuación desta Área Rexurbe comprende o conxunto histórico-artístico da localidade, que, cunha superficie de 130.000 m2, alberga un total de 735 edificios destinados a diferentes usos e 1.070 vivendas, o 60% das cales son de tipo unifamiliar.

Ao abeiro desta iniciativa, fíxanse como liñas estratéxicas a recuperación do patrimonio construído, a aposta pola eficiencia enerxética na rehabilitación, a mellora da oferta de servizos e espazos libres, o impulso á mobilidade sostible, a axuda para implantar empresas tecnolóxicas, o apoio á poboación dependente, ou a creación de postos de traballo no eido social, entre outras.

Para concretar como lograr estes obxectivos, en todo caso, o Concello terá que elaborar a continuación un plan de dinamización específico que sirva para coordinar as actuacións tanto públicas como privadas destinadas a conseguir a dinamización e a rexeneración do ámbito da área Rexurbe. Nel se recollerá un programa plurianual coa planificación das medidas a executar e dos investimentos necesarios para levalas a cabo.

De igual xeito, deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico (centro Rexurbe), que actuará como punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión das distintas actuacións que se promovan dentro deste ámbito.